É TEMPO DE CASTAÑAS (Por Xelo Teijido)

festas

Xa dende antes da chegada da pataca a Galiza, a castaña constituíu unha parte importante da dieta dos galegos, sobre todo das familias máis humildes (que nos Vilares eran a maioría), xa fosen crudas, cocidas, asadas, ou mesmo en puré…

A pesares de non ter castiñeiros nin castaños en propiedade, contaban sempre con algún veciño de “boa casa” que moi amablemente lles cedía parte da colleita para que as poidesen apañar e,no peor dos casos, sempre podían tamén ir apañar aos camiños e corredoiras, xa que as que caían nese lado non pertencían a ninguén…

Deste xeito xa tiñan garantida a alimentación durante uns días, e a día de hoxe hai quen as toma asadas, como postre, cocidas con leite, e os máis sibaritas e atrevidos fan tamén diversas receitas ás que se engaden as castañas como acompañamento ou en puré, e incluso se atreven con pudins ou flans, tentando conservar así deste xeito parte da historia da cultura gastronómica referente ás castañas…

…Chega o outono, e, con él, medran as noites, e os días vanse facendo máis pequenos. As derradeiras raiolas de sol dan paso aos primeiros orballos e choivas do outono…

Agora que as patacas están xa recollidas e que xa andivemos a comer as amoras das silveiras,  é tempo de ir apañar setas ao monte, tempo de debullar nas fabas ou nos chícharos, tempo de recoller as xudías e os repolos…

É tempo da caída da folla ao chan, é tempo de esfollar no maínzo

E co comezo dos días fríos e as noites longas, É tempo de castañas e landras, , de andar por carreiros e corredoiras entre silvas e lama para poder apañar nas castañas picandonos nas mans para sacalas do ourizo… É tempo de poñelas a asar ,para logo xuntarnos en familia, entre veciños, e entre parolas, risas e contos poder comelas a carón da lareira de soños, lareira de todos…

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *