NACER NO RURAL (Por Xelo Teijido)

1620385_1451955111735619_6001504374734624184_n

Tiven a sorte de nacer no rural, onde aprendín de ben pequeno a facer queixo logo de muxir as vacas para lles sacar o leite, onde aprendín a sementar nas patacas, fabas e outras legumes para logo apañalas….

Debullei nas fabas e nos chícharos, esfollei no no maínzo, apañei verzas na horta, e tamén leitugas, tomates ou repolos… vin centos e milleiros de veces cómo as galiñas poñían ovos no niño, ou todo o proceso de facer os chourizos…

Collín castañas directamente dos ourizos picándome con eles, para logo asalas na lareira…

Tamén ir apañar á leña, e logo quentar o forno, amasar e facer os bolos de pan e a cocer a fornada…!

Fun cunha aguillada ou vara na man e o can de palleiro busca-las vacas…
Apañei amoras directamente das silveiras polos camiños e corredoiras de pedras e de lama, bebín auga das fontes e mananciais naturais, subinme ás maciñeiras para coller mazás, arraxei por penas, árbores e valados…

Piqueime con ortigas, toxos e silvas, sei distinguir entre unha xesta e unha pudia….
Tamén aprendín a diferenciar unha boa cantidade de plantas e herbas, e tamén animais, isto converteume, sen eu querelo, nun rapaz con sabedoría popular…

Por isto e por unha morea de cousas máis, non teño nada que envexar duns poucos da cidade que só teñen que ir ao supermercado para acadar o que precisen, só con diñeiro, sen outro esforzo de por medio, pero nunca consentirei que aos que nacemos na aldea nos traten coma ignorantes ou parvos, pois a riqueza que eu adquirin na miña infancia e durante os meus primeiros anos de mozo xa a quixeran moitos dos que pensan que o leite medra en botellas ou en briks e os ovos igual….
Por elo, alédome de ter nacido na aldea!!

10464230_770081226348023_1280816118568197175_n

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *