“Os Vilares, lareira de soños” dará a coñecer a parroquia a través de roteiros específicos gratuítos

11096743_819101428164403_1706948174_n

 

Fontes e regatos, penedos, muíños, patrimonio e Díaz Castro serán algúns dos temas abordados nas rutas que están a preparar e coas que se estende a outros eidos o proxecto liderado por Pastora Veres. A primeira das rutas propostas celebrarase, previsiblemente, a comezos de abril.

“Os Vilares, lareira de soños” está a preparar para esta primavera-verán diversos roteiros na parroquia que pretenden “chamar a atención do abandono do patrimonio natural, histórico e arqueolóxico, poñer en valor as potencialidades, coñecer a parroquia do noso poeta e reivindicar actuacións para o ben común dos Vilares”.

Estes roteiros, gratuítos, estarán deseñados para o coñecemento e disfrute da paisaxe ademais da historia, patrimonio e literatura da parroquia. Desenvolveranse por contidos temáticos sendo os primeiros o roteiro das fontes e regatos, o dos penedos, o dos muíños, o do patrimonio e o do poeta Díaz Castro. Todos estarán dirixidos e comentados por persoas coñecedoras dos temas aos que se dedique cada andaina.

As rutas durarán desde primeiras horas da mañá ata ben entrada a tarde; aínda que se realizará un descanso ao mediodía para o xantar. A dificultade das mesmas será baixa para que sexan asequibles a calquera persoa e sempre tentando que a previsión meteorolóxica sexa acaída para o seu disfrute.

Estas actividades de “socialización e coñecemento da parroquia” únense ao libro, documentario e outras accións do proxecto “Os Vilares, lareira de soños” que informará a través dos seus soportes –http://dosvilares.com e www.Facebook.com/osvilares– da primeira das rutas que se celebrará, previsiblemente, a comezos de abril.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *